UNHA LEMBRANZA SEN ADEUS
A Mª Xosé ARCOS, AMIGA


Amiga Mª Xosé, nunca pensei que con tódalas charlas, confidencias e traballos que fixemos xuntos, un día me ía ter que comunicar contigo por internet. Sei que te estarás rindo de isto, por que coñeces a miña relación coas tecnoloxías e as miñas dificultades coas mesmas.

Hai moito tempo, demasiado, que non falo contigo e xa teño necesidade. Todo sigue igual, amiga, e nembargantes todo mudou. Seguimos pensando que o proxecto sindical no que traballamos é importante para este país, que os agricultores e gandeiros deben decidir por sí mesmos o traballar no seu futuro, que a Galicia rural é a máis auténtica das Galicias e que merece a pena loitar para que a xente siga vivindo nela coa dignidade e sendo donos de seu.

Igual ca sempre, como todas esas veces nas que ti te ilusionabas pensando que atopáramos un instrumento útil para a nosa xente, un instrumento que utilizar para crear e materializar esperanzas. Tamén sigue igual, amiga, a actuación do noso poder político. A Xunta segue a pensar que debe tutelar e non emancipar, que debe decidir e non consensuar e que ten que facer e non colaborar. Seguimos loitando e enfrontándonos a todos aqueles que seguen sin ver á sociedade galega como maior de idade e sen capacidade de pensar, á que hai que darlle consignas e directrices masticadas. Isto, Mª Xosé, xa tivo, e ten consecuencias, están pechando explotacións e abandónase a actividade agraria; os mozos non se ilusionan coa profesión dos seus pais e xa hai moitos pobos pechos, niños de moitas esperanzas e cadaleitos das últimas frustacións, ós que van seguir outros.

A mensaxe sigue sendo a mesma: para ser un pobo moderno sobre poboación agraria. O que non nos din, dentro do seu dirixismo, é que vai pasar con toda esa xente. A xubilación segue sen se-la solución, nin para o beneficiario nin para os outros, dado que non facilita o acceso á terra que tantas explotacións precisan.

Nada mudou pero xa nada é o mesmo. ¿Lembras Mª Xosé cando pensabas que as mulleres do medio rural organizándose e facendo proxectos conxuntos poderían se-lo motor do medio agrario?, creíalo tanto que traballabas arreo para materializalo; a idea segue sendo válida pero xa moitos a utilizaron con fins pouco lexítimos e moito de interesados politicamente. ¡Canto seguimos precisando do teu entusiasmo que conseguía simpatías e apoios por doquer, do teu convencemento no traballo colectivo e democrático como xeito de superar trabas e manipulacións!. Nós, amiga, seguimos a liña que ti axudaches a trazar, non nos separamos nin un pouco por que pensamos que é a correcta, asi nolo di a nosa xente, aquela xente que ti sempre pensaches que era a máis sabia e solidaria do mundo; esa mesma xente que insiste en que non te debemos perder, nin física nin na lembranza.

Voume despedir, amiga. Non por moito tempo, só un ata logo. Non quero seguir falando contigo sen resposta directa, non me sirve nin me chega. Que te botamos en falla xa che consta, que te queremos non o dubides nin un intre e que te precisamos sabelo de sobra. Só teño que reprocharche que me fixeches vivir os momentos máis difíciles da miña andadura como secretario xeral, uns momentos cargados de sentimento, culpa, reproche, emotividade e perda. Non te culpo, amiga é que ainda me doe pensar niso e revivilo como tantas veces fago.

Como voceiro dese sindicato que tanto significa para ti e como fraternal amigo que te lembra e te añora, envioche un saúdo de toda a túa e nosa xente e unha aperta do colectivo que sei te confortará como mereces. Ata logo, amiga, a vida segue igual pero fáltalle unha peza, que non queremos nin debemos mudar. Onde queira que estés e cando queira que sexa aquí estaremos, onde estivemos sempre e onde sempre haberá un sitio para xente de ben, coma ti.

Saúdos amiga e ata logo.